Thursday 25 de April de 2024

Máis de 2.000 exemplares de distintas razas exhibíronse na XXVIII Mostra de Cans de Caza


 

O recinto feiral do Mesón do Vento encheuse de público dende as primeiras horas da mañá, animado tamén polas boas condicións meteorolóxicas
Tal e como se esperaba a XXVIII Mostra de Cans de Caza celebrada esta fin de semana no Mesón do Vento foi un verdadeiro éxito. Non só pola organización das distintas probas e competicións ou pola mostra canina en si, senón tamén pola grande afluencia de público dende ben cedo que se congregou na nave de gando situada na parroquia de Ardemil. Un aspecto ao que, sen dúbida, contribuíron as altas temperaturas e as boas condicións meteorolóxicas rexistradas neste día

Novamente a feira confírmase como unha das grandes citas cinexéticas das que se celebran ao longo do norte de España. Tal é así que o máis habitual que as realas participantes cheguen incluso de fóra do territorio galego, tal e como volveu a acontecer nesta ocasión. En conxunto hai que falar de máis de 2.000 exemplares os que se puideron contemplar hoxe no Mesón do Vento.

Como unha das principais novidades desta edición foi a celebración por primeira vez en Galicia dun concurso de parado sobre xabaril (concurso francés). Unha proba que onte seguiron moitos e moitas. Entre os participantes non faltou Chacho, recentemente nomeado campión de España de traílla.

Novamente a asociación Feira de Cans Amigos de Ardemil foi a encergada de organizar este evento. Entre as entidades e firmas comerciais colaboradoras figuraron o Concello de Ordes, Arion, Agro Visantoña e a Federación Galega de Caza.